Vigo: cidade difusa / Juan Luis Dalda

valadares_dalda

Fotografía >>> "Vistas da transición de Valadares á periferia" / Juan Luis Dalda / 2001

"Seguir considerando como «o rural» esta periferia implica trasladar ao territorio un estatuto de inferior rango ao de cidade. É unha actitude elusiva cara á atención das necesidades que xera o desenvolvemento dos dereitos contemporáneos da cidadanía: necesidade de vivenda económica, implantación e dotación de todos os servizos públicos de competencia municipal, disciplina fiscal, etc. A ambigüidade que a propia lexislación urbanística galega mantén cara ao feito nuclear de orixe parroquial non debería amparar coartada algunha ao respecto destes feitos da cidade difusa. O difuso expresa un xeito de urbanización que, por riba de constatar procesos de adaptación e espontaneidade próximos á emerxencia e á marxinalidade, indica a complexidade do crecemento desta época neste territorio. Cómpre entender a orde urbana e urbanística desta complexidade para poder extraer e utilizar a potencialidade da cidade difusa no aproveitamento dos recursos locais e na ordenación racional do medio. Aceptar pragmaticamente a lóxica difusa coma lóxica rural implica abandonar toda aspiración ao control produtivo e ambiental do territorio. Ordenar a cidade difusa implica, a mais de establecer regras, plantear o obxectivo de lograr un grao de urbanización razoable, economicamente admisible e socialmente cohesiva."

Artículo >>> "Vigo: cidade difusa" / Juan Luis Dalda / Proxecto Terra. Vol.3, Identidade Territorial / Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia / 2004